Ayuntamiento de A Coruña

11/22/2024 | Press release | Distributed by Public on 11/22/2024 08:15

A Coruña acollerá a regata de grandes veleiros Tall Ships Races no mes de xullo de 2027

Cando:

22 de novembro de 2024

A Coruña acollerá a regata de grandes veleiros Tall Ships Races no mes de xullo de 2027

A alcaldesa, Inés Rey, na apertura da conferencia anual da Sail Training International

Inés Rey informou hoxe na conferencia anual da Sail Training International (STI) que o Concello solicitou xa que a cidade sexa porto áncora da STI, co obxectivo de visibilizar o potencial da industria marítima e náutica da cidade

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou esta mañá que A Coruña acollerá a Tall Ships Races no mes de xullo de 2027, o que reforzará a posición da cidade herculina como a máis visitada na historia da regata dos grandes veleiros, que voltou por última vez á Coruña en agosto do ano pasado.

Rey, que participou esta mañá no acto de apertura da conferencia anual da Sail Training International (STI) -principal impulsora da Tall Ships Races-, informou de que o Concello tamén lle remitiu á organización a documentación necesaria para postularse como porto áncora da STI, "o que nos permitirá establecer unha relación conxunta de continuidade".

A rexedora apuntou que a condición de porto áncora situaría A Coruña como un punto de axuda e asistencia aos veleiros en ruta, e tamén contribuirá a que a cidade reforce a súa programación de actividades para programar eventos náuticos de forma máis habitual, "o que tería un impacto directo na economía e o tecido deportivo da cidade".

Neste sentido, a alcaldesa destacou que tanto a Tall Ships Races como situar A Coruña como porto áncora da STI son dúas iniciativas que van en sintonía co plan de recuperación da fachada marítima, "na que estamos a traballar a escala interadministrativa para gañar espazos públicos destinados ao uso e gozo da cidadanía". "Falamos dun proceso que suporá un punto de inflexión na imaxe da paisaxe urbana da cidade, e somos conscientes de que os peiraos e a súa actividade deben estar integrados nela, visibles aos ollos da xente", expuxo Inés Rey, que apuntou tamén que a estadía da Tall Ships Races 2027 na cidade da Coruña será entre os días 16 e 19 de xullo dese ano.

A conferencia anual da Sail Training International continuará ao longo deste venres e tamén este sábado no recinto feiral Expocoruña. A xornada de hoxe iniciouse cun minuto de silencio en lembranza das vítimas pola DANA que afectou a Valencia e Albacete, entre outras provincias.

O Aquarium Finisterrae acolleu onte a previa da conferencia da STI

Os actos previos á realización da conferencia anual da Sail Training International (STI) na Coruña comezaron onte no Aquarium Finisterrae, onde tivo lugar a presentación e exposición das cidades que tomarán parte na Tall Ships Races do ano 2025, que fará parada en Le Havre e Dunkerque (Francia), Aberdeen (Escocia), Kristiansand (Noruega) e Esbjerg (Dinamarca).

Matthew Williams, que representa as autoridades de Aberdeen nesta cita, foi o encargado de dar a coñecer as principais iniciativas e proxectos que están a desenvolver os portos destas cinco cidades. Fíxoo na sala Maremagnum do acuario, acompañado pola alcaldesa, Inés Rey, e a directora comercial da STI, Vanessa Mori, ante unhas 200 persoas chegadas desde diversas partes de Europa e que asisten estes días á conferencia na Coruña.