Ayuntamiento de A Coruña

07/05/2024 | Press release | Distributed by Public on 07/05/2024 06:17

O Concello contribúe con 464.000 euros aos programas que desenvolve a Cruz Vermella na cidade

Cando:

5 de xullo de 2024

O Concello contribúe con 464.000 euros aos programas que desenvolve a Cruz Vermella na cidade

Inés Rey e Manuel Viqueira, no acto de sinatura do convenio

A alcaldesa e o presidente da entidade asinaron hoxe catro convenios que abarcan desde o transporte sanitario ás emerxencias e axudas sociais, así como a atención ás persoas maiores soas

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o presidente provincial da Cruz Vermella na Coruña, Manuel Viqueira, asinaron hoxe en María Pita catro convenios para financiar outros tantos programas da entidade na cidade neste ano 2024. O importe total dos convenios suma 464.000 euros.

A rexedora destacou "a importancia dos programas que leva a cabo a entidade co apoio do Concello e a estreita colaboración para abordar algunhas das situacións que máis preocupan ao Goberno municipal, como son a atención aos colectivos máis vulnerables e, en especial, ás persoas maiores en situación de soidade".

O importe total dos catro convenios repártese da seguinte forma: 64.000 euros para o programa de transporte sanitario; 100.000 para o servizo de urxencias sociais; 150.000 para o programa de atención a persoas maiores soas; e outros 150.000 para o programa de axudas sociais.

Neste ano 2024, a Concellaría de Benestar Social, Igualdade e Participación mantén convenios nominativos por un importe de máis de tres millóns de euros con entidades que traballan pola inclusión, a loita contra as adiccións, as persoas maiores, a infancia, a discapacidade e a defensa dos dereitos e o benestar de persoas enfermas e as súas familias.