R Cable y Telecomunicaciones Galicia SA

12/18/2024 | Press release | Distributed by Public on 12/18/2024 05:08

Este Nadal, evita estafas e compra de forma segura con estas recomendacións dd

Chega unha das épocas do ano onde máis compramos. Que se agasallo para os nenos, para os pais, para a túa parella, para os avós, para o tío Paco e a túa cuñada Elvira. Entre Papá Noel, o Apalpador e os Reis Magos, a tarxeta de crédito non para de traballar e de adelgazar.

Por esa razón, se compras en liña, ten moito coidado. Dámosche unha serie de recomendacións para que as túas compras sexan moito máis seguras e teñas a garantía de que ninguén che tenta estafar.

Entra en webs con https

As webs que empezan por http, sen o "s", non son seguras nin están cifradas. Iso é un perigo.

Asegúrate sempre de entrar nunha web que che dea todas as garantías a nivel de seguridade.

Evita webs sospeitosas

Se buscas unha marca concreta, mira ben que a web sexa a oficial ou que leve anos ofrecendo os seus servizos.

Moitas veces é algo tan sinxelo como buscar na internet opinións sobre esa web concreta. Ou ver se teñen redes sociais con publicacións desde hai tempo dos seus produtos e servizos. É dicir, que non crearon unha web hai dous días para enganar a incautos.

Ninguén dá duros a catro pesetas

A expresión de que ninguén dá duros a catro pesetas seguramente é moi vella para a Xeración Z, pero o resumo é que ninguén regala nada.

Se ves que algo é moi, moi barato e non tes referencia dunha web, o máis probable é que sexa un engano. Así que o primeiro é sospeitar.

Xoguetes cun 90% de desconto ou o último iPhone moito máis barato son ganchos irresistibles para moitos compradores. Desconfía porque alguén pode roubar os teus datos ou o teu diñeiro.

Coidado cos emails ou SMS que recibes

Moitas veces, as estafas chegan a través do correo electrónico ou dunha mensaxe. Por exemplo, recibes un email cunha oferta marabillosa dun remitente que se parece ao oficial e lévache a unha web que é moi parecida á oficial.

Recomendámosche que revises ben o remitente e tamén a web, que sexan os oficiais e non unha web moi parecida. Se un consumidor pensa que é unha web oficial, é máis fácil que dea os seus datos persoais ou a súa tarxeta.

Por último, é habitual recibir SMS indicando que un paquete que recibes está na aduana ou ben que para recollelo tes que pagar un extra ou que hai mal algo e pídenche confirmar. Remítenche a unha web onde poñer os teus datos. Como sempre, mellor fala antes co vendedor ou co servizo de mensaxería para ver que pasou co teu paquete.

Compra de forma segura

Cando realizas unha compra nunha web, o ideal é que indiques os datos da túa tarxeta e che chegue unha notificación á app para confirmar ou non dita compra.

É un elemento que che dá seguridade, xa que a compra se fai nunha pasarela de pago segura.

E ata aquí as recomendacións de ciberseguridade R. Aínda que tamén che aconsellamos non pasarte co turrón porque despois veñen os entroidos e os cocidos ;)