FEGAMP - Federación Galega de Municipios e Provincias

11/12/2024 | News release | Archived content

Declaración Institucional FEGAMP: Solidaridade e apoio á veciñanza e aos concellos afectados pola 'DANA'

Santiago de Compostela, a 12 de novembro de 2024.- A consternación continúa nas entidades locais galegas pola catástrofe provocada nas provincias de Albacete, Cuenca, Málaga e, sobre todo, Valencia, pola recente Depresión Illada en Niveis Altos - DINA (DANA en castelán). Os seus efectos arrasaron numerosas localidades, provocando una situación de total de destrución.

A perda de vidas humanas como consecuencia das riadas está a supoñer unha traxedia inédita no noso país, superando amplamente as duascentas vítimas, e aínda poden ser máis xa que continúan desaparecidas decenas de persoas.
Fronte a esa inmensa situación de emerxencia, na primeira liña de intervención no rescate e auxilio das vítimas estiveron os servizos de protección civil e emerxencias, as forzas e corpos de seguridade do Estado e os propios concellos
afectados, como administración máis próxima, tentando evitar unha desgracia aínda maior. Inmediatamente, toda as administracións, dende o Goberno de España, Generalitat Valenciana, deputacións e concellos próximos interviñeron
co obxectivo de atender e apoiar á veciñanza afectada nas situacións máis graves e, sobre todo, na busca das persoas desaparecidas.

Unha vez máis, hai que destacar o compromiso solidario e voluntario de todas as persoas que tamén, dende o primeiro momento, están a achegar a súa colaboración en todas as tarefas de limpeza e apoio á veciñanza afectada. Ten
que ser un motivo de orgullo.

Dende que se tiveron as primeiras informacións da catástrofe, a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) contactou coas federacións homólogas da Comunitat Valenciana e de Castilla La Mancha, para achegarlles a
nosa solidariedade e poñernos á súa disposición no que puideramos colaborar. Ao mesmo tempo, contactouse coa Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) para coordinar a información e as comunicacións aos
concellos e deputacións galegas sobre as necesidades de apoio que se estaban a solicitar dende as institucións e os concellos afectados.

Tamén en Galicia procedemos a coordinarnos coa Delegación do Goberno e co goberno da Xunta de Galicia, tendo solicitada a xuntanza de coordinación que finalmente se celebrou o pasado sábado 2 de novembro, na que se priorizou
recadar todo o apoio posible, tanto de persoal como de recursos materiais e loxísticos, dos concellos e deputacións con servizos de emerxencias e grupos de emerxencias supramunicipais (GES).

Paralelamente e dende o primeiro momento, os concellos e as deputacións galegas promoveron a recollida solidaria de alimentos, roupa, materiais de limpeza persoal e doméstica, cuxo envío ás zonas afectadas está tamén a ser
coordinado, atendendo as indicacións recibidas principalmente dende a Federación Valenciana de Municipios y Provincias (FVMP).

A situación nos concellos afectados continúa sendo moi difícil, polo que resulta imprescindible continuar cos dispositivos de solidariedade coordinada nos que FEGAMP estamos a intervir, directamente coa FVMP, e en coordinación coa
FEMP, coa Xunta de Galicia e coa Delegación do Goberno en Galicia. Deste xeito, o municipalismo galego vai manter o seu apoio aos concellos afectados e ás súas veciñanzas.

Dende a Comisión Executiva da FEGAMP quérese destacar a unidade de todos e todas diante desta catástrofe, avaliando o traballo dos servizos de Protección Civil e Emerxencias, das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e da Unidade
Militar de Emerxencias.

A FEGAMP tamén quere salientar o compromiso das persoas voluntarias desprazadas ata as zonas afectadas para axudar en todo o necesario, con especial mención ao persoal de emerxencias desprazado dende Galicia.

Por último, A FEGAMP reitera a súa solidariedade e apoio ás familias das vítimas, ás persoas damnificadas e aos concellos afectados.